15 Ago Fundación Naiterra impulsa o proxecto “A volta das bestas” da Fundación Montescola
Fundación Naiterra vén de dar un primeiro impulso ao proxecto A volta das bestas, que busca pór en valor a presenza de cabalos salvaxes no monte de Froxán, no concello de Lousame, recoñecido en 2017 pola ONU como Área Conservada por Pobos Indíxenas e Comunidades Locais (ICCA). Un dos obxectivos desta recuperación é previr lumes no monte grazas á acción directa dos cabalos en materia de limpeza do monte baixo e favorecedores do equilibro e a harmonía ambienta. O proxecto acompáñase dunha campaña de micromecenado que permitirá amadriñar a grea de bestas de Froxán por apenas 1 euro ao mes, a través da plataforma Teaming neste enlace.
“As bestas son fundamentais para reducir o risco de incendios, controlar a biomasa, evitar a perda de solo e reter carbono, e tamén son imprescindíbeis para manter hábitats prioritarios como as turbeiras ou os queirogais húmidos atlánticos”, sinalan dende a Fundación Montescola.
Co apoio de Naiterra introduciranse as primeiras eguas a mediados deste mes de agosto, que se suman ao garañón adquirido por Montescola para formar a primeira grea que liberarán no monte.
As achegas de micromecenado, cunha dedución do 80% no IRPF, servirán para aumentar a grea ata os 10 cabalos nos próximos meses así como a crear infraestrutura básica para o manexo e protección dos animais. Deste xeito, preténdese contribuír para a reversión da perda de cabalos salvaxes, que pasou de 20.000 animais nos anos 1970 a menos da metade, con apenas algúns centos de exemplares no Barbanza.
O papel dos grandes herbívoros na prevención de lumes
Na Serra do Barbanza, as paisaxes abertas de queirogal están a desaparecer e degradarse debido á expansión do eucalipto e acacia, e á matorralización derivada da redución dos cabalos salvaxes e a desaparición doutros usos tradicionais. O resultado é unha paisaxe con menor biodiversidade e moi inflamábel, que sofre incendios recorrentes, con cada vez menor resiliencia e capacidade de fornecer servizos ecosistémicos á poboación que rodea a Serra, como é a auga.
Desde os anos 1990 produciuse un declive xeneralizado das poboacións de cabalos salvaxes, especialmente logo da introdución a partir de 2008 da obrigatoriedade de rexistro e identificación de microchip (ao equiparse legalmente a cabalos domésticos) e os conflitos de uso. O colapso das greas tamén levou á desarticulación das poboacións de lobo e a un aumento da conflituosidade con esta especie.
A volta das bestas contribuirá a restaurar os hábitats de queirogal e turbeira e os procesos naturais mediante a recuperación do pastoreo natural con cabalos salvaxes. “Isto fomentará unha paisaxe máis resiliente aos incendios complementando os esforzos que ven facendo a Comunidade de Froxán na última década, plantando máis de 20.000 árbores frondosas e consolidando un cortalumes verde de case 50 ha, que agora axudarán a manter os cabalos en liberdade”, sinalan dende a Fundación Montescola.